3 de septiembre de 2010

Inicio > Actualidad > Iniciativa Gallega

Actualidad de EMPRENDEMENTO GALEGO

CERTAME UNVIERSITARIO

O Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC repartiu 22.000 euros entre as 6 empresas premiadas

21/05/2008

A comercialización de produtos e servizos baseados na tecnoloxía Fividoc, software de seguridade documental, será a principal área de negocio da empresa Bit Oceans, merecedora do primeiro premio do VIII Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC, dotado con 9.000 euros.


O segundo premio do concurso, cunha dotación de 5.000 euros, recaeu na empresa Xenotech Laboratorios, mentres que o terceiro, con 2.000 euros, foi para Paralaxe. Na modalidade de Empresa Xove, o xurado decidiu recoñecer a proposta de IDM Maquinaria Automatizada, mentres que na categoría Muller Emprendedora o proxecto premiado foi INBIOGAL, e na de Proxecto Medioambiental, SONEN. Estes tres últimos recibiron 2.000 euros cadanseu.

Segundo sinalan os seus promotores, os profesores da Universidade de Vigo Fernando Pérez González e Óscar W. Márquez e o investigador Alberto Malvado, a tecnoloxía comercializada por Bit Oceans será a solución ao problema da falsificación documental, evitando tanto a xeración de documentos falsos como a alteración do seu contido mediante técnicas manuais e informatizadas.

O software Fividoc emprega unicamente impresoras e escáneres convencionais para localizar e sinalar as alteracións fraudulentas realizadas sobre o contido dos documentos ao tempo que permite a protección global do contido, con independencia da súa natureza. Esta tecnoloxía permitirá ademais a obtención telemática de documentación oficial, documentos de identificación, compulsa dixital, verificación automática de documentación e a xestión interna de documentación.

Como segunda área de negocio de Bit Oceans figura a seguridade dixital, eido no que desenvolverán solucións software a medida baseadas en protocolos e servizos da Infraestrutura de Clave Pública (PKI) nos que se apoian os actuais sistemas de sinatura dixital.

Segundo e terceiro premios

O proxecto destacado co segundo premio do concurso aborda a creación dunha Empresa de Base Tecnolóxica que proporcionará á industria alimentaria e ao consumidor as ferramentas necesarias para garantir a calidade e seguridade dos produtos comercializados e consumidos.

Xenotech procurará a prestación dun servizo integral de análise, consultaría de calidade e seguridade alimentaria e medioambiental, con especial atención no sector pesqueiro. Entre os seus obxectivos figura a implantación de metodoloxías emerxentes baseadas na análise do ADN que, segundo sinalan, "minoren sensiblemente os tempos de análise e melloren a precisión dos resultados obtidos". O equipo promotor deste proxecto está formado por catro doutores en Bioloxía e Química e outro investigador do eido biolóxico, que constituirán dende un primeiro momento o cadro de persoal da empresa.

A empresa Paralaxe Multimedia and Virtual System, terceiro premiado do concurso, é unha proposta de investigadores do Laboratorio de Sistemas da USC que traballarán na produción e comercialización de produtos multimedia e de realidade virtual empregando procesos innovadores que acheguen un grao de flexibilidade e rapidez superior á media do sector.

O traballo articularase ao redor dunha web colaborativa que permite ofrecer mellores prazos de desenvolvemento dos proxectos así como uns custes moi competitivos, "ao favorecer a reutilización do coñecemento xerado en proxectos anteriores", sinalan os seus promotores. Impulsan este proxecto os profesores de Electrónica e Computación José Manuel Cotos Yáñez e Julián Flores González e os investigadores do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC Ramón Martín Calderero e Vanesa Sobadrelo.

Recoñecementos á empresa xove, innovación e proxecto medioambiental

Na modalidade de Empresa Xove, o premio foi para IDM Maquinaria Automatizada proxecto que ten como obxectivo a investigación, deseño industrial e desenvolvemento de novas máquinas e metodoloxías de produción que permitan automatizar tarefas de confección e acabado final en empresas que teñan como materia prima mármore, granito, pedra e novos materiais como o Silestone.

A aplicación destas técnicas de traballo permitirá aos profesionais mellorar a produtividade, a competitividade e a eficiencia, así como obter un produto final e acabado de maior calidade e idéntico en todas as pezas. O equipo promotor intégrano o enxeñeiro técnico industrial da Universidade de Vigo Pablo Iglesias Noya e o delineante e técnico superior en Administración de Sistemas Informáticos, Agustín García.

Inbiogal, Innovación Biológica de Galicia, foi o proxecto seleccionado como merecedor do premio na modalidade Muller Emprendedora. A empresa estará constituída por catorce membros do grupo de investigación Biomarcadores Moleculares (BB1) do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo e por un investigador do Departamento de Bioquímica da USC.

Os membros do grupo levan traballando dende o ano 1990 na busca de marcadores bioquímicos que puidesen ser de utilidade na diagnose precoz, seguimento, prognóstico e predición de resposta a tratamento en doentes con diversos tipo de cancro. Este labor reportoulles a obtención de seis patentes susceptibles da ser explotadas e cun elevado potencial no ámbito sanitario.

O gañador no apartado Proxecto Medioambiental recaeu en Sonen, Centro de Acústica e Servizos de Telecomunicacións, empresa xa constituída a finais de 2007 por tres enxeñeiros técnicos de Telecomunicacións e instalada no Parque Tecnolóxico de Galicia.

Sonen ten como fin principal o asesoramento e a consultaría no campo das telecomunicacións e da acústica aplicada tanto para empresas privadas, como para a administración e os particulares. Neste senso proporcionarán servizos e solucións de confort tanto no control de ruído ou sonorización como en sistemas de telecomunicación e domótica, ademais da creación dun departamento de I+D+i propio nun futuro próximo.



Enviar noticia

Subscripcion
RSS


Xunta de Galicia. Conselleria de Traballo
Xunta de Galicia. Conselleria de Innovacion e Industria
Ministerio de Educacion y Ciencia
Universidade de Santiago de Compostela

© 2003. Emprendia es una publicación del Centro de Innovación y Transferencia de Tecnología de la Universidad de Santiago de Compostela,responsable de la gestión del programa de creación de empresas Uniemprende.Todos los derechos reservados.