Inicio > Actualidad > Iniciativa Gallega
O Congreso Internacional sobre Creación de Spin-offs Universitarios presentará "como produto estrela" un mercado financeiro alternativo para empresas de base tecnolóxica, en palabras do profesor da USC David Rodeiro, do departamento de Economía Financeira e Contabilidade.
Baixo a denominación de 'Inberso', a idea nace do programa Uniemprende, polo que o seu director, Carlos Hernández, será o encargado de presentala na última conferencia do congreso, que se celebrará entre o luns e o martes na facultade de Química de Santiago de Compostela.
Así, o obxectivo deste mercado financeiro alternativo será captar investidores, que a xente meta pasta" nos primeiros momentos, segundo explicou Rodeiro, porque ao ser de base tecnolóxica unha empresa ten "moito maior risco" e "o seu problema é o do financiamento", indicou.
O profesor de Administración e Dirección de Empresas explicou que un 'spin-off' universitario é unha empresa que ten como orixe a universidade, "o mesmo que sucede con series como 'Aida', que naceu a partir de '7 vidas'", exemplificou.
Galicia, pioneira
"Pode xurdir a partir de persoal universitario ou a partir de proxectos de investigación", indicou, aínda que apuntou que o máis habitual é que sexan de base tecnolóxica. No conxunto do Estado español, naceron 120 compañías deste tipo en 2007, e 143 en 2006.
Segundo destacou, Galicia é unha das comunidades autónomas pioneiras en España en creación de empresas de base tecnolóxica, xunto con outras como Valencia, Madrid e Cataluña.
A diferenza, segundo sinalou, é que nestas comunidades existen universidades politécnicas, polo que é máis normal que aparezan 'spin-off'. Non obstante, a USC caracterízase por contar cun programa de creación de empresas bastante pioneiro, dixo, en referencia a Uniemprende.
Así, explicou que este programa ofrece servizos xunto con Uninova, unha incubadora de empresas que se sitúa no Polígono do Tambre compostelano. Esta nave industrial achega servizos comúns para as 'spin-off' como son o acceso a internet, a telefonía ou asesoría.E permite estar alí ás empresa, incidiu.