Inicio > Actualidad > Iniciativa Gallega
A Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Caixa Galicia colaborarán para contribuír ao obxectivo común de desenvolver o sector TIC galego, difundir a sociedade da información e reducir a fenda dixital. Así o recolle o convenio asinado esta mañá por Beatriz Legerén, presidenta de Eganet, e Marcelino Fernández Mallo, director de Banca Virtual de Caixa Galicia, sinatura que tivo lugar no Centro On de Caixa Galicia en Santiago.
Mediante este convenio, Caixa Galicia pon a disposición de Eganet a súa rede de infraestruturas, acondicionadas para acoller eventos relacionados coa promoción da sociedade da información e a industria TIC. Segundo explicou a presidenta de Eganet durante o acto de sinatura, iso significa "a posta a disposición do tecido TIC galego de locais nas sete cidades galegas cun aforo conxunto que se aproxima ás 2.000 prazas".
Así mesmo, a través da Oficina Virtual "On Caixa Galicia", a entidade ofreceralles ás empresas socias de Eganet unha oferta financeira en condicións especiais que se recollerá nunha páxina web personalizada e específica e que dará acceso á contratación dos distintos produtos e servizos incluídos na oferta. A este respecto, Beatriz Legerén agradeceu o apoio da caixa galega ás empresas TIC, que precisan, segundo dixo, "do respaldo bancario para levar a bo porto os seus proxectos coma o resto do tecido industrial". A presidenta de Eganet recoñeceu que o sector TIC é un sector "complexo, que aínda non se fixo accesible á sociedade", e achegou o compromiso de avanzar nesta tarefa, xa que, apuntou, as TIC son "imprescindibles para o desenvolvemento do resto de sectores de actividade e para a mellora global da economía".
Pola parte da Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías, o convenio establece o compromiso de publicitar a través da web e do resto de medios ao alcance de Eganet a sinatura deste convenio, así como manter un enlace permanente á web personalizada, á que se accederá a través de contrasinal. A presidenta de Eganet agradeceu a disposición de Caixa Galicia a colaborar co sector TIC e reiterou o compromiso da Asociación de aproveitar os medios facilitados pola entidade para avanzar na mellora competitiva do sector e de achegar as TIC á sociedade, obxectivo xa fixado nos estatutos da asociación.
O director de Banca Virtual de Caixa Galicia, pola súa banda, subliñou o dato de 57.690 empresas clientas da banca electrónica de Caixa Galicia así como o feito de que o 42% das transaccións da entidade galega se realizasen por Internet en 2009. Destacou tamén que a Oficina Virtual superou os 1.000 millóns de euros de negocio captados a través da rede, unha actividade, por outra banda, que presenta un índice de morosidade por debaixo do 1,5% cando o ratio do sector se sitúa por riba do 5%. Estas cifras, en opinión de Marcelino Fernández, reflicten o acerto de Caixa Galicia cando adoptou a liña estratéxica de potenciar a súa actividade a través das novas tecnoloxías. Nese escenario, cómpre entender a sinatura do convenio con Eganet.