Inicio > Actualidad > Iniciativa Gallega
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou hoxe a vixencia –ata o 30 de xuño de 2010- dos programas re-imaXina e re-Solve como instrumentos financeiros fundamentais para impulsar a reactivación do tecido empresarial galego mediante o financiamento dos investimentos ou do circulante que precisen os autónomos, as microempresas e as pemes para medrar ou para manter a súa actividade con normalidade.
Nun encontro con empresarios da comarca do Barbanza que se desenvolveu en Boiro, Guerra destacou que durante o pasado ano o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) aprobou 639 solicitudes de empresarios da comarca, cun incremento do 1.260% sobre as solicitudes aprobadas en 2008. Segundo explicou Guerra, o Instituto concedeu en 2009 axudas por importe de 3,5 millóns de euros e habilitou préstamos a empresarios do Barbanza por importe de 14,4 millóns de euros durante o ano pasado.
O conselleiro de Economía e Industria resaltou o compromiso do Goberno de Galicia para manter, a través do Igape, os programas de axudas para facilitar o financiamento dos investimentos ou as necesidades de circulante das pemes galegas, e destacou que, no marco do plan re-Forza 2010, o instituto que preside porá o acento en impulsar as iniciativas empresariais de mellora da competitividade e de internacionalización, así como na axilización da súa xestión das solicitudes para conseguir que os apoios sexan máis efectivos para as empresas e os emprendedores galegos.
Impulsado pola Consellería de Economía e Industria para financiar investimentos de microempresas, de empresas novas ou de pemes que aspiran a mellorar a súa competitividade, o plan re-imaXina mantense activo para facilitar á actividade das empresas de menor dimensión, aspecto que Javier Guerra estimou de relevancia fundamental para avanzar cara a saída da crise actual. Estes préstamos para investimentos, que se poden solicitar ata o próximo 30 de xuño, contarán co aval dunha SGR que cubrirá o 80% do importe. Durante 2009, o Igape recibiu case 500 solicitudes para financiar préstamos por máis de 11 millóns de euros ao abeiro deste programa.
O Plan re-imaXina está deseñado para facilitar a concesión polas entidades financeiras de préstamos para investimentos, eliminando dous dos atrancos que adoitan dificultar o acceso ao financiamento das empresas de menos dimensión: as garantías esixidas e os custos de xestión. Nin as entidades financeiras nin as SGR poderán requirir dos solicitantes máis garantías adicionais que as persoais dos promotores da actividade empresarial. Os beneficiarios tampouco deberán pagar á entidade financeira ou a SGR correspondente ningún outro custo derivado da operación acollida a esta liña.
Os préstamos concedidos ao abeiro destas bases e no marco do correspondente convenio que o Igape asinou coas entidades financeiras adheridas e as sociedades de garantía recíproca que operan en Galicia terán un prazo de amortización de ata 5 anos, no caso da liña para as microempresas, e de 5 a 7 anos nos concedidos nas liñas para novas pemes e pemes competitivas. O importe dos préstamos poderá chegar ata 120.000 euros nás liñas para emprendedores e mellora da competitividade, e ata 25.000 euros na liña para microempresas.