O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou onte unha nova convocatoria do Re-Emprende, un programa a través do cal a Consellería destina 2 millóns de euros a apoiar a posta en marcha de proxectos de nova creación ou a consolidación no seu primeiro ano de funcionamento de empresas promovidas por emprendedores ou autónomos.
O conselleiro destacou que o obxectivo do re-Emprende, cuxa convocatoria se publicou onte no Diario Oficial de Galicia, é favorecer a actividade empresarial e a creación de emprego apoiando a posta en marcha de proxectos innovadores impulsados por empresarios e, como novidade este ano, por autónomos con actitude emprendedora. Poderán optar a estas axudas proxectos con investimentos comprendidos desde 35.000 ata 500.000 euros, e as solicitudes deberán presentarse ata o 15 de novembro. Con respecto á anterior convocatoria, a dotación orzamentaria anual medra nun 33% e rebaixase o investimento de 50.000 a 35.000 con obxectivo de abarcar un maior número de proxectos.
Á hora de fixar a porcentaxe do apoio valoraranse factores como a creación de emprego, especialmente de colectivos de difícil inserción laboral; a localización en territorios con plans de especial dinamización, o valor engadido asociado á actividade escollida e que a actividade estea enmarcada dentro dos sectores considerados prioritarios, como a automoción, a madeira, a transformación agroalimentaria, téxtil-moda, aeronáutica, náutica deportiva, química, biotecnoloxía, fabricación de equipos medioambientais ou de enerxías renovables, ou TIC.
As axudas concedidas dentro deste programa parten dun mínimo do 15% do investimento apoiable e poden chegar ata o 50%, no caso das pequenas empresas. Ademais, tal e como destacou o conselleiro, e dentro do compromiso do actual Goberno coa dinamización empresarial dos territorios amparados por plans especiais como son os Impulsa Lugo, Impulsa Ourense, Plan Ferrol, Eume e Ortegal e Plan Revive Costa da Morte, garántese nestas zonas unha axuda mínima do 25%.