O proxecto ECICII da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal presenta dous programas formativos en materia de internacionalización: un presencial para empresas e outro en liña para mozos e mozas profesionais.
A Confederación de Empresarios de Pontevedra organiza, en colaboración coa Escola de Negocios Novacaixagalicia e dentro do proxecto ECICII, un curso de 50 horas presenciais dirixido a promocionar ferramentas a directivos e xerentes que queiran pór en marcha accións de internacionalización para a súa empresa.
O programa proposto desenvolverase nas instalacións da Escola de Negocios Novacaixagalicia durante 50 horas presenciais en formato dun día á semana (9:30 a 14:30 e 16:00 a 19:00) durante 6 semanas consecutivas, cunha sesión conxunta (mesa redonda) final de 2 horas de duración. Hai 25 prazas dispoñibles.
Mozos profesionais
O mesmo programa presenta tamén unha acción formativa dirixida a mozos e mozas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, con formación de grao ou posgrao que desexen iniciar e desenvolver a súa carreira profesional no eido da internacionalización.
Inclúe temática de marketing internacional, contratación, financiamento e cobros e pagamentos internacionais, transporte e loxística e xestión aduaneira. O programa consta de 130 horas de formación en liña de setembro a novembro de 2012.